ZUNÁI - Revista de poesia & debates

[ retornar - outros textos - home ]

 

 

CHUS PATO

 

 

 

 

Dous poemas de HORDAS DE ESCRITURA

 

Poema nº 1

 

A voz era pánico

e desexaba, insistía, ter hábito(s) no poema

.........................

 

pero non todo pode ser transportado (non a voz, desde logo)

 

si o espírito que invade ao bardo, entre as uces irtas

 

e porque chove, os habitantes do poema teñen que abrir os seus paraugas // sacan o que levan dentro e búscanlle acomodo fóra

 

[só porque ti pousas a mirada no texto podo comezar coas solucións]

 

isto é o que consegue Cabaleiro Amábel, facer que seres alienados se presenten ante o mundo, e moi ao seu pesar, como persoas ceibes

 

pero só a voz empasta as tres historias

a voz que a escritura non acubilla

 

así pois, un poeta é un ser ancián.

 

Máis que entrar o mundo dentro do poema

botar por fóra a escritura, como unha lava lene e transparente, muselina

 

tanto ceo

tanta primavera

 

ves, isto é un acto político: torcerlles a vontade aos que obedecen

 

pero falta o contexto.

  

E que dicir dos soportes!, cando xa o papel non atura e só é concibíbel unha parede e a proxección de letras dixitais (seguramente nun museo ou nos paneis da autoestrada) ou esas mesmas frases envolvendo como cintas luminosas os corpos dos viandantes que dialogan sobre o voar das aves ou os bucles dos miñatos que se mimetizan coas árbores cando estenden as ás coma un niño

 

a teoría é esa violencia ética do intanxíbel

 

e está o problema do eu, cantos? e das situacións

 

prefiro o meu pánico a entrar nas librerías, excluíndote a ti, que me abandonas en calquera lugar, sen cartos, ou dentro do coche sen freo de man. Visitamos unha cidade para lembrar os edificios das cidades

 

os soños non son teoría, e agora temos que quedar aquí porque ti non queres espertar, neste palacete de urbanización privada, con outros moitos e moitas da nosa condición. Esta noite os nosos asasinos están bébedos ou pechados no váter

 

dunha vez para sempre nada hermético, nin críptico (que nunca nosoutros escribimos) e pono xa en órbita, con todos os nosos espléndidos matos e carqueixas.

 

E fíxate como se torna doce a verdade, cando descalza te mantés, ingrávida? na placenta dos amieiros

 

**

 

as sinapses volven, a inquietante floración de abril

 

 

Poema nº 2

 

Este percorrido comeza cunha carta que nunca cheguei a escribir. A miña sombra agardaba que desde a pedra algún faraón se encarnase e confiaba encontrar entendemento para un diálogo contigo. Con todo ningunha directriz da Historia podería chegar onda min, estaría xa da outra beira do abismo, como abstracción e diferenza

 

e volvía unha e outra vez sobre a figura do musulmán nos campos

 

sobre esa exclusión dobre, a do animal e a exclusión do logos

 

é unha mirada sen marxes

 

aínda que o corpo cede ante a morte, resiste cando a razón se esgota

 

significa que o corazón debe ser equivalente en peso —ou máis lixeiro— á pluma de Osiris

 

*

na noite, a causa do seu brancor e relevo, a flor do trifolium repens ou trevo común fai visíbeis os campos, é trépano para os campos.

 

Direiche desta escena

no recibidor, amplo e brillante, logo das reformas, presenteille a María, Ana, Marta e Iria a Paco; elas avanzaban cara a nós desde os servizos. Por un intre foron como a fotografía no ano 52 da miña nai e as súas amigas: eran a intelixencia e a beleza e a posibilidade ou imposibilidade de reprodución na especie. Vinas, fuxindo na súa repetición, eternas.

 

 

 

*


A obra de Chus Pato, (Ourense, 1955) caracterízase pola súa radicalizade, o exercicio dunha experimentación demoledora dos discursos e lugares comúns herdados. Constrúe unha escritura desbordante baseada na superación do concepto tradicional de poesía, acolle non só diferentes tipos textuais, desde o biográfico ata o ensaísmo filosófico, senón unha polifonía de voces que van desde a da propia poeta, á dunha pléiade de personaxes imaxinarios e reais que se manifestan en múltiples subxéneros: fragmentos teatrais, entrevistas, programas radiofónicos, ect. Na súa práctica literaria non están ausentes os contidos xenéricos e relativos á nación. Os seus poemas nacen da conciencia da non neutralidade, da non naturalidade da linguaxe.

Publicou Urania(editorial Calpurnia,1991), Heloísa (Espiral Maior,1994), obra traducida ao castelán por edicións La Palma, Fascinio(Toxosoutos,1995), Nínive(Xerais,1996, galardoada co premio Losada Dieguez) , A ponte das poldras (Noitarenga, 1996, 2ª edición Galaxia, 2006) m-Talá (Xerais, 2000), traducida ao inglés, Nomados 2003, Shearsman, 2009), Un Ganges de palabras (antoloxía bilingüe gallego-castellano ao cuidado de Iris Cochón, Colección Puerta del mar, CEDMA, Málaga, 2003), Charenton (Xerais, 2004, traducida al inglés, Shearsman, 2007) e Hordas de escritura (Xerais, 2008).

 

Parte da súa poesía está incluída en prestixiosas antoloxías de ámbito nacional, estatal e internacional. Os seus libros foron traducidos total ou parcialmente ao inglés, castelán, alemán, polonés, catalán, italiano, euskera, portugués etc.

*

 

retornar <<<

[ ZUNÁI- 2003 - 2009 ]